Na Lei do solo prima a recuperación das edificacións tradicionais e a súa posta en valor


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda remitiu dous informes aos concellos galegos para aclarar que a Lei do solo prima a recuperación das edificacións tradicionais e a súa posta en valor.

Estes informes foron trasladados a todos os concellos galegos para o seu coñecemento, despois de que o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia indicara ao Goberno galego a diversidade de criterios interpretativos por parte das distintas administracións locais, no proceso de tramitación das autorizacións municipais necesarias.

Coas aclaracións trasladadas desde a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo quérese ratificar cal é o criterio interpretativo da Xunta sobre o contido do artigo 40 da lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, relativo ás edificacións tradicionais existentes en calquera categoría de solo de núcleo rural ou de solo rústico.

Nese sentido, indican que o artigo 40 establece “recuperar o patrimonio construído, revitalizando o medio rural e potenciando o chan rústico a través da rehabilitación das edificacións existentes como factor de desenvolvemento e calidade de vida”; aproveitar e poñer en valor as edificacións existentes, “contribuíndo a impedir o seu abandono e deterioración progresivo por non poder darlles un uso, propiciando deste xeito un uso máis sostible do chan”; e por último, “evitar novas construcións, o que contribúe a garantir a protección futura da paisaxe”.

Asemade, outra das aclaracións que se lles traslada aos concellos é relativa ao documento para a concesión de licencias urbanísticas municipais sobre as que se indica que é suficiente a presentación dun proxecto básico para a obtención do título habilitante de natureza urbanística. Desde a Consellería de Medio Ambiente saliéntase que este procedemento contribúe á simplificación, axilidade e eficacia na tramitación dos procedementos administrativos para a concesión.