Nace a Escola de Regueifa de Carballo


A regueifa soará durante todo o ano, porque nace a Escola de Regueifa de Carballo. Entre os seus primeiros alumnos e alumnas están as persoas que asistiron aos obradoiros organizados nas últimas semanas polo Servizo de Normalización Lingüística coa colaboración das asociacións Casino 1889, Escola do Alprende, Nemeth e As Landras.

Pero a Escola de Regueifa de Carballo está aberta a todo o mundo, tanto a regueifeiros e regueifeiras que queiran ter un lugar no que practicar a súa arte, coma ás persoas que queiran iniciarse no canto rimado ou ás que simplemente queiran escoitar. Abonda con asistir ás xuntanzas que se celebrarán quincenalmente, os venres alternos. A próxima será o día 31 deste mes no Casino 1889, a partir das 19.00 horas.

A Escola de Regueifa de Carballo, pola que pasaron nestas semanas unha quincena de persoas, é unha das participantes no concurso do proxecto Enreguéifate, no que o concello está dobremente representado, xa que tamén compite na categoría escolar un grupo do CEIP Bergantiños.

Enreguéifateé un proxecto impulsado polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe accións formativas para o profesorado e para o alumnado, pero tamén para o tecido asociativo e para a cidadanía en xeral.