Nace a primeira edición dos Premios Benfeito de Consumo

2 minutes read

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) anuncia a apertura das votacións para os Premios Benfeito de Consumo. Estes premios teñen como obxectivo recoñecer as empresas e entidades que, coa súa labor, contribúen significativamente ao tecido socioeconómico galego. Os Premios Benfeito de Consumo son, tamén, unha celebración da diversidade e a innovación das empresas galegas e unha oportunidade de mostrar ao mundo o que Galicia ten para ofrecer.

Dende hoxe, as persoas consumidoras galegas poderán implicarse directamente na elección das empresas gañadoras, a través dun proceso aberto de votación (https://es.surveymonkey.com/r/premiobenfeito). A UCGAL considera fundamental dar voz á cidadanía e que sexan elas quenes decidan que empresas merecen ser recoñecidas pola súa excelencia en produtos, bens de consumo ou servizos dirixidos ás persoas consumidoras e usuarias.

Os Premios Benfeito de Consumo estrutúranse en varias categorías, Produtos Alimenticios, Produtos Non Alimenticios e Servizos, permitindo que unha ampla gama de empresas teñan a oportunidade de ser recoñecidas. Ademais, a Xunta Directiva da Unión de Consumidores de Galicia poderá outorgar unha ou máis mencións especiais a aquelas empresas que se destacan no seu campo.

A UCGAL convida a todas as persoas consumidoras e usuarias de Galicia a participar neste proceso de votación, co fin de garantir que os Premios Benfeito de Consumo reflictan verdadeiramente as opinións e experiencias das persoas consumidoras e usuarias galegas en relación coa calidade dos produtos e servizos que estas empresas poñen no mercado, así como a súa atención ao cliente. Entre todas as persoas que participen no proceso de votación e cumprimenten a devandita enquisa, sortearanse dúas cesta de produtos galegos valoradas en en máis 100 € cada unha delas. Para máis información sobre os Premios Benfeito de Consumo, poden visitar a web https://consumidores.gal/ ou poñerse en contacto coa Unión de Consumidores de Galicia no 981 56 64 11.

Os Benfeito

Os Benfeito son unha ferramenta de comunicación da Unión de Consumidores de Galicia que combina innovación con accesibilidade e é capaz de adaptarse a diferentes perfís de público. O obxectivo é achegar as mensaxes que a UCGAL quere comunicar, xa sexa por si mesma ou en colaboración con empresas, entidades e administracións, á sociedade galega. A través da narrativa visual da banda deseñada, poden transmitir as súas mensaxes e resultados do seu traballo de forma directa, rápida, comprensible e altamente accesible.