Ansiebye é un proxecto sen ánimo de lucro que busca axudar a desenvolver hábitos saudables en persoas que sofren ansiedade, a través de retos diarios sinxelos, mediante unha App instalada no móbil.
O equipo está formado por un grupo de emprendedores españois, que conviven coa ansiedade, e que se propoñen axudar a quen a padece, aínda sen ser de todo consciente.
Unha das persoas involucradas neste proxecto é Celina Paredes, unha veciña de Camelle, Camariñas, afincada en Madrid. Celina afirma que 9 de cada 10 persoas sofren ansiedade cada ano no noso país e, delas, 4 fano de maneira continuada. «A nosa intención é axudar nesta situación tan difícil para todos. O proxecto está a causar interese, e no primeiro día dende o lanzamento xa temos máis inscripcións das que agardábamos.»
A cifra é alarmante
12 millóns e medio de españois sofren enfermidades físicas ou problemas emocionais, debidos á ansiedade. E, con todo, séntense sós. No último ano, os casos de ansiedade duplicáronse desde a chegada da pandemia. Os efectos colaterais do confinamento provocaron que as consultas psicolóxicas se dispararan respecto ao ano pasado. O estudo ‘Psicoloxía e terapia en liña en España na era do Covid-19’ revela un aumento dun 170% das consultas desde o inicio do estado de alarma.
Ansiebye é un proxecto sen ánimo de lucro que busca axudar a desenvolver hábitos saudables en persoas que sofren de ansiedade. Con el se pretende:
• Dotar aos usuarios de ferramentas para facer fronte á ansiedade.
• Dar visibilidade ao problema para normalizalo.
• Crear unha contorna colaborativa.
• Converter á ansiedade nunha compañeira máis de aventuras, que non impida gozar da viaxe aos que a padecen.
• E que os usuarios sexan capaces de dar un paso á fronte, alzar a súa man e repetir xunto a nós: Adeus, au revoir, ciao bambina… !Ansiebye!.
Inscribirse nos retos, é gratuíto e moi sinxelo. Pódese realizar en poucos pasos, a través da súa páxina web https://ansiebye.com/ ata o 10 de febreiro.
Os retos comezarán o 15 de febreiro, e terán unha duración dun mes, finalizando o 14 de marzo. Ademais, con cada reto o usuario conseguirá puntos que poderá trocalos por doazóns a proxectos solidarios.
