Nace o ciclo ‘Comicamente’, que levará este verán o humor galego a 12 concellos


O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou o novo ciclo Comicamente, impulsado polas empresas Con de tres pés, Etiqueta Negra e Ainé Producións co apoio da Xunta para levar o humor a 12 concellos da Comunidade desde finais de xullo a comezos de setembro. O proxecto, enmarcado na programación do Xacobeo 21-22, súmase ás iniciativas postas en marcha co obxectivo de contribuír á reactivación do sector cultural.

A presentación desenvolveuse na Cidade de Cultura, escenario escollido para un dos espectáculos, e contou coa participación dos actores e humoristas Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán, quen, xunto a Luís Piedrahita, lideran a iniciativa. Ademais, a monologuista Lucía Veiga, tamén presente no acto, será a mestra de cerimonias de todas as funcións.

As entradas para asistir aos espectáculos xa están á venda en ataquilla.com. O Carballiño, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo, Ourense, Mondoñedo, Pontevedra, A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo e Lalín son os concellos confirmados que van acoller, do 31 de xullo ao 4 de setembro, as actuacións previstas. A eles sumarase unha localidade máis, aínda por determinar. Todos os espectáculos serán en emprazamentos ao aire libre e cunhas moi coidadas postas en escena.