Nace o FITVI, un festival de monicreques no rural que converte Vilaño en escenario

3 minutes read

O “FITVI: Entre Verzas e Monicreques” celebra a súa primeira edición do 9 ao 11 de outubro cunha programación que une artes escénicas, recuperación da memoria e tradición oral, nun escenario rural que pon no centro á xente.

Vilaño acollerá en outubro a primeira edición do FITVI – Festival Internacional de Títeres de Vilaño, unha nova iniciativa promovida pola Asociación Cultural Adro de Vilaño creada coa vontade de achegar as artes escénicas ao rural e, ao mesmo tempo, facer do propio territorio parte da experiencia cultural.

Baixo o lema “Entre Verzas e Monicreques”, os espectáculos espállanse por distintos lugares da parroquia e dialogan coa paisaxe, co patrimonio e coa memoria de Vilaño.

O Muíño das Fervenzas, a Fonte da Areosa, os ríos de lavar, o Castro de Montes Claros e o antigo salón de baile de Gendes, converteranse así en escenarios dunha programación na que se mesturan monicreques, narración oral, teatro de obxectos, música, memoria e convivencia.

A dirección artística e coordinación do FITVI corre a cargo de Patricia Cameán, responsable de cultura da Asociación sociocultural Adro de Vilaño, quen afirma “Queremos que o festival ilusione, alegre, provoque curiosidade e dea ganas de formar parte del; que durante uns días Vilaño acolla a emoción de ver espectáculos fermosos e que estes, sexan un motivo para atoparnos e compartir”.

A primeira representación será o venres 9 de outubro no IES Agra de Leborís con Pekeno Kabaret de tolos, de Títeres Alakrán. O alumnado participará ademais, como parte activa do festival.

A programación aberta ao público comezará o venres pola tarde, no Muíño das Fervenzas, coa proposta Unha árbore ven a vernos, de Anxo Moure, e cun obradoiro de lanzabeloteiros, monicreques atrapacontos e Land Art.

O sábado 10 pola mañá, o festival percorrerá a Ruta dos Ríos de Lavar, cunha primeira parada na Fonte da Areosa. Alí, as Mulleres de Vilaño protagonizarán Unha viaxe no tempo, unha representación teatral construída arredor da memoria e das experiencias das propias veciñas. O percorrido continuará ata o Muíño das Fervenzas coa proposta multidisciplinar Xograría de aldea, de Alba de Vales, e cun coloquio posterior coas artistas.

Pola tarde, a actividade trasladarase ao Castro de Montes Claros, onde K’Paparota Teatro presentará Latexos. A xornada incluirá tamén o faladoiro “As nosas lendas”, coa arqueóloga Puri Soto, e rematará cun pícnic comunitario, concibido como un espazo para compartir e convivir arredor do festival.

O domingo 11, o FITVI regresará a outro espazo cargado de memoria colectiva: o antigo salón de baile de Gendes, na Areosa. O arxentino Manu Mansilla presentará o espectáculo de monicreques Títeres a cielo abierto. A continuación, Rubén Mallo e Diego Rama conducirán o faladoiro Cando aquí se bailaba, unha conversa sobre a historia e as lembranzas vinculadas ao antigo salón. A primeira edición pecharase coa proposta “Bailamos?”, recuperando a música e o baile para que o espazo volva soar.

Un festival pensado desde a aldea

A comunidade ocupa un lugar central na filosofía do FITVI. A iniciativa implica á veciñanza, centros educativos, infancia, mocidade e tecido local, nun proxecto que busca favorecer o encontro entre persoas, xeracións e artistas.

O teatro, a recuperación da memoria e do patrimonio, a relación coa natureza, a participación comunitaria e o coidado da contorna constitúen os piares desta primeira edición.

Para a Asociación Cultural Adro de Vilaño, o FITVI nace tamén como unha forma de reivindicar o rural como espazo para a creación e para o acceso á cultura, empregando lugares cotiáns e patrimoniais como escenarios e incorporando a identidade da parroquia á propia programación.

Así nace o FITVI, con moita ilusión. Singular, próximo e ligado á terra. Máis que un festival, un encontro!