Nace o Rexistro de Medios Dixitais Galegos: buscan dignificar a profesión


Que é un medio xornalístico dixital? Na actualidade existen na rede unha multitude de iniciativas de comunicación de todo tipo, profesionais ou non, que seguen criterios xornalísticos ou non, con contidos propios ou non. “Para separar o gran da palla”, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vén de crear o Rexistro de Medios Dixitais Galegos (NRede) para recoñecer os medios de comunicación con criterios xornalísticos que existen no eido dixital.

O Rexistro “é unha ferramenta necesaria nos tempos da dixitalización de contidos para separar o grao da palla; para que lectores e administracións identifiquen as empresas que realmente realizan un labor xornalístico”, destaca o decano do Colexio de Xornalistas.

A iniciativa, que foi presentada este mércores polo decano do Colexio de Xornalistas, Francisco X. González Sarria, e o secretario da entidade, Darío Janeiro Pereira, “é unha ferramenta necesaria nos tempos da dixitalización de contidos para separar o grao da palla; para que lectores e administracións identifiquen as empresas que realmente realizan un labor xornalístico”, destacou González Sarria.

O Rexistro busca, polo tanto, ofrecer á cidadanía “a garantía de que a información á que está tendo acceso é froito dun traballo profesional e respecta a deontoloxía do xornalismo, distinguíndoa así doutro tipo de contidos dixitais”, sinala o Colexio. Igualmente, pretende servir de axuda para que estes medios teñan máis argumentos para o acceso a subvencións públicas (das que neste momento están excluídos en moitas ocasións en Galicia) ou para acreditarse en determinados eventos.