Nace ‘Sons para un regreso’, un ciclo de concertos a cargo de antigas bolseiras da Deputación

1 minutes read

Os concertos, que terán lugar os días 6 e 7 de xaneiro de 2022, foron presentados polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, pola directora artística do programa, Belén Bermejo, e por tres das artistas participantes, a guitarrista Ana Yáñez, a saxofonista Patricia Cadaveira e a trompa Alma Sarasola. «Desde que as bolseiras e bolseiros da Deputación soñaron con dedicarse de xeito profesional á música ata que consiguen desenvolver as súas carreiras con éxito, hai un camiño que merece a pena ser posto en valor e ese é o obxectivo de ‘Sons para un regreso’, que o público poidamos coñecer na voz das súas protagonistas que supuxo ser bolseiras da Deputación e como influíu na súas respectivas traxectorias» asegurou Xurxo Couto.

O Teatro Colón será o escenario escollido para as catro actuacións, que irán acompañadas de espazos de conversa para dar a coñecer mellor as artistas participantes e as súas traxectorias. O xornalista Anxo Quintela -premio nacional de xornalismo cultural- conducirá estas pequenas conversas, introducindo ás verdadeiras protagonistas, as bolseiras, nesta primeira edición todas mulleres, que veñen desenvolvendo unha carreira en solitario ou como integrantes de distintos tipos de agrupacións.

As dúas xornadas darán comezo ás 19 horas. Os concertos son de balde, previa retirada de convite a través da web ataquilla.com.