Nacen os primeiros torneos de xadrez e de golf da Deputación da Coruña


O ‘I Torneo Open Internacional de Xadrez Deputación da Coruña’ terá lugar do 4 ao 11 de setembro en Sada, no Hotel Mariña Sada ou no pavillón municipal da localidade. Poderá participar calquera xogador ou xogadora que conte con licenza deportiva, ata un máximo de 200 persoas. Repartiranse 13.050 euros en premios, con 2.250 euros para o gañador, 1.500 euros para o segundo clasificado e 1.200 euros para o terceiro. Poderase formalizar a inscrición, que é gratuíta, ata o 1 de setembro na Federación Galega de Xadrez a través do correo electrónico openxadrezsada2022@gmail.com ou no formulario da web que se creará para o evento.

Por outra banda, a área de Deportes da Deputación traballa xa na organización do ‘I circuíto Pitch & Putt Deputación da Coruña’ que se desenvolverá en diferentes sedes e datas: A Coruña (setembro), Paderne (outubro), Boiro (novembro) e Oroso (decembro). Poderán participar todas as persoas empadroadas en calquera concello da provincia que conten coa licencia federativa, ata un máximo de 54 parellas e 108 xogadores en categoría Scratch, Hándicap, Hándicap Sénior, Hándicap Damas e Hándicap Infantil. A inscrición pode realizarse na Federación Galega de Golf ata o xoves previo á realización de cada proba, das que se informarán as datas concretas con antelación.