Nacións indíxenas denuncian aos Estados Unidos ante a ONU por non loitar contra o cambio climático


  • Piden que a ONU presione aos EE.UU para poder recuperar as zonas de caza e pesca

Cinco nacións indíxenas de Estados Unidos denunciaron este mércores aos Estados Unidos ante a comisión de Dereitos Humanos da ONU en Xenebra. O motivo da denuncia é a inacción por parte do país liderado por Donald Trump fronte ao cambio climático.

As comunidades, orixinarias de Alaska e Luisiana, denuncian que tiveron que deixar as súas terras debido á consecuencias do cambio climático como a subida do nivel do mar. Sinalan que o Goberno fai oídos xordos á destrución causada pola industria do gas e o petróleo nestas zonas e conclúen que isto consitúe unha clara violación dos seus dereitos humanos.

Aseguran que pediron axuda aos federais e que a súa última opción foi dirixirse ás Nacións Unidas. Piden á ONU que presione a Estados Unidos para que financie a restauración das súas terras ancestrais e as zonas de caza e pesca.