O secretario xeral da ONU, António Guterres, cualificou este mércores de «inmoral» que as empresas petroleiras e de gas estean a rexistrar ganancias récord nun contexto actual marcado pola penuria enerxética e a guerra en Ucraína.
«É inmoral que as compañías petroleiras e de gas obteñan beneficios récord desta crise enerxética á conta das persoas e comunidades máis pobres e cun custo enorme para o clima. Os beneficios combinados das maiores empresas enerxéticas no primeiro trimestre deste ano achéganse aos 100.000 millóns de dólares.», sentenza Guterres.
Ademais da súa firme declaración, o xefe de Nacións Unidas tamén presentou un informe, este mércores, no que fai un chamamento ao aforro enerxético, dirixido a todos os países, especialmente aos máis desenvolvidos. O informe propón ademais medidas concretas para responder á «crise enerxética«, como promover o transporte público ou limitar o aire acondicionado e a calefacción.