Nai e fillo, veciños de Carballo, investigados como presuntos autores dun delito de estafa

dpm.

Os feitos sucederon por mor da comparecencia e entrega dun turismo nas dependencias oficiais da Garda Civil de Carballo por parte do prexudicado, comunicando que realizara a venda deste vehículo por un importe de 16.000 euros o 31 de outubro do ano en curso. Tras realizar o cambio da titularidade do mesmo o día 2 de novembro non percibiu a transferencia da cantidade acordada, recibindo unha serie de escusas por parte do comprador e da súa nai cada vez que contactaba con eles. Transcorridos varios días e ante a sospeita de que estaba a ser vítima dunha estafa, o prexudicado compareceu, tras haberllo comunicado ao comprador, no domicilio deste coa segunda chave do vehículo, procedendo ao traslado do mesmo ás dependencias oficiais da Garda Civil de Carballo, deixándoo alí depositado, achegando as mensaxes que supostamente corroboraban a estafa.

A Garda Civil investigou os feitos constatando a veracidade dos mesmos, comprobando que os números de teléfono intervenientes nos mesmos correspondían ao prexudicado e aos investigados, sendo nai e fillo coñecidos das forzas de seguridade por ser detidos no mes de agosto do ano en curso como presuntos autores dun delito de estafa na compra dun tractor agrícola. A Garda Civil procedeu á investigación de nai e fillo como presuntos autores dun delito de estafa. O vehículo quedou depositado nas dependencias oficiais da Garda Civil de Carballo a disposición Xudicial.