Nais e pais de Muxía reúnense para reivindicar a falta de pediatras e matronas no municipio


A praza do Coido de Muxía foi testemuña da reivindicación das nais e pais de Muxía, encabezados pola plataforma ‘Pediatras e Matronas Xa’, pola falta de atención primaria tanto en pediatría como en servizo de matronas no municipio. A dito acto sumáronse o alcalde, Iago Toba, e a concelleira de Educación, Olalla Benlloch, que acompañaron e apoiaron ás familias presentes nesta iniciativa.

Tras a reclamación, desde o Concello trasladaron a todas as familias afectadas que se comprometen a apoiar e dar respaldo total neste asunto, con diferentes accións e reunións que se levarán a cabo nas vindeiras datas. De feito, desde o executivo comprometéronse a realizar unha queixa formal en nome do Concello no centro de saúde, para intentar axilizar e buscar vías para resolver esta problemática. A protesta realizouse nun recinto que actualmente conta cunha gran carga emotiva, xa que na praza do Coido está instalado actualmente o parque de atraccións de Muxía.

“Desde este equipo de goberno sumámonos a esta reivindicación, dun servizo que consideramos esencial para todas as familias de Muxía e faremos chegar novamente este malestar a outras institucións e administracións para intentar resolver este problema”, destacou Toba. Na mesma liña, Olalla Benlloch sumouse “a esta reivindicación xa que consideramos que os nenos e nenas de Muxía merecen unha atención primaria de calidade e que sexan atendidos por un especialista”.