Nais e pais do colexio apuntalado en Sarria critican á Xunta

1 minutes read

A maior parte dos alumnos e alumnas do colexio Frei Luis Granada de Sarria continúan sen acudir ás clases, por segunda semana consecutiva. O luns pasado a fachada do edificio e algunha das aulas apareceron apuntaladas «por precaución», ante as evidentes eivas estruturais que presenta o inmoble, con solos curvados, fendas nas paredes e dificultades para pechar portas e fiestras. As protestas de pais e nais forzaron á Xunta a ofrecer solucións alternativas mentres se realizan obras de reforzo nas estruturas danadas. As familias advirten de que «non temos a seguridade de que non haxa risco para os nenos». O Goberno galego asegura que a partir do luns 3 de febreiro se poderán retomar as clases «con normalidade».