- A exposición é unha viaxe retrospectiva pola obra do artesán vasco afincado en Carnota.
Nano Unzueta escolleu a galería ceense para celebrar ao grande os seus 40 anos de oficio. Este sábado, 9 de novembro ás 19.30 h inaugurarase a exposición titulada «Nano Unzueta, 40 anos de oficio», que é unha viaxe retrospectiva polas obras dun dos grandes representantes contemporaneos da Artesanía de Galicia. O artesán estará arroupado na presentación por numerosos artesáns e artistas de toda a comarca.
Nano Unzueta naceu en Eibar (Guipúscoa) en 1956 e aterrou en Galicia no ano 1980 coa intención de aprender dos oleiros galegos tradicionais. Tras formarse en Buño, con Aparicio Añón, creou o seu taller Cerámica Unzueta en Carnota, onde estivo asentado durante máis de 20 anos, ata que se trasladou a Brión no ano 2000, aínda que segue mantendo aínda hoxe a súa residencia de Carnota. A súa actividade, máis aló da produción cerámica, céntrase en boa parte na docencia e na investigación en canto á preparación dos barros e esmaltes, que el mesmo elabora e aos que incorpora cinzas naturais.
Unzueta chegou a construír os seus propios fornos grazas ao coñecemento adquirido do ceramista neozelandés Barry Brickell. As súas pezas, que el mesmo define como «cerámica contemporánea non encadrada de ningunha tradición oleira», teñen un marcado carácter utilitario e funcional, aínda que sen deixar de lado a estética, moi lograda grazas aos coidados esmaltes que utiliza. Sobriedade e colorido, utilitarismo e estética, experimentación e intimismo son algunhas das palabras que definen a súa artesanía.
A exposición poderá visitarse en Stoupa, en Cee, durante todo o mes, ata o 5 de decembro, de martes a sábado de 12,00 a 14 h e de 17,00 a 20 h.