Nas residencias de maiores e nos centros de persoas con discapacidade comeza a campaña de vacinación fronte á gripe

DPM.

Nesta primeira fase da campaña inmunizarase nos propios centros, tanto a usuarios como ao persoal destas institucións. 

Como en anteriores campañas, as doses da vacina antigripal que recibirán serán as reforzadas. Como novidade, este ano tamén se administrarán as doses de alta carga a todas as persoas desde os 70 anos, debido á evidencia científica acadada co ensaio clínico Galflu que demostrou o incremento da protección nesta poboación.

A Consellería de Sanidade subliña o compromiso da cidadanía galega coa vacinación e, especialmente, das persoas maiores. Na última campaña, Galicia volveu ser líder nas taxas de cobertura tanto en gripe como en covid. De feito, a taxa de vacinación da gripe en maiores de 65 anos en Galicia foi dun 71 %, fronte ao 58,4 % en España.

Outra das novidades da campaña é a ampliación da gripe ata os 11 anos e a posta en marcha dun programa piloto de vacinación escolar, coa aplicación da vacina fronte a gripe por vía intranasal.

A partir do vindeiro 13 de outubro aplicarase a vacina fronte á gripe por vía intranasal en 55 centros educativos para alumnado de 4º, 5º e 6º de educación infantil e de todos os cursos de educación primaria. Búscase chegar a 19.000 nenos de entre 3 e 11 anos, é dicir, nados entre 2014 e 2022. 

En función das coberturas de inmunización acadadas, a Xunta avaliará a extensión do proxecto piloto ao resto de centros escolares en futuras campañas de vacinación.

Related posts

Sucesos | Dous excarcerados tras unha saída de vía en Santiago | Un incendio deixou dous feridos na Estrada

Nova marcha en Valencia contra Mazón pola súa xestión da dana

Caión estrea dous novos murais no paseo marítimo e no Rueiro das Figueiras