Natación | A Liga Máster volta o domingo a Carballo coa terceira xornada


O vindeiro domingo día 7 de marzo a Piscina Municipal Carballo Calero acollerá en Carballo a 3ª xornada da Liga Galega Máster en dobre sesión de 9 a 11 horas con 32 nadadores-as en liza, e de 11:15 a 13:15 horas con outros 29. A competición levarase a cabo sen a presenza de público e baixo estrictas medidas de seguridade, como o aforo restrinxido, a hixiene de mans, o control de temperatura, o mantemento da distancia de seguridade, o establecemento dun sentido único de circulación, ou o uso obligatorio da máscara agás no momento de nado entre outras.

Ademáis non se nadarán as tradicionais probas de substitucións por equipos co obxectivo de evitar a aglomeración de nadadores-as que entrarán e sairán da instalación baixo acreditación e de xeito graduado por clubs. Para esta terceira xornada a ADFogar aliñará un equipo composto por 14 nadadoras-es, das cales 5 pertencen á categoría feminina e os 9 restantes á masculina.

Medirán as súas forzas en primeiro turno cos 3 nadadores da ADN.Narón, os 7 do C.Hércules, os 6 do CNC.Santiago, e os 2 da RSD.Hípica. O programa de probas da xornada inclúe os 400 metros estilos, os 50 metros libres e costas, os 100 metros bolboreta e os 200 metros braza.