Natación | Arteixo, Rías e Fogar xóganse a liga e o ascenso en Carballo

1 minutes read

Este sábado 7 de maio a piscina municipal Carballo Calero acollerá a porta pechada e en sesións de mañán (9:30 horas) e tarde (15:30 horas), a Fase Final da Liga Galega de Clubs de Natación na súa segunda división; proba que achegará a Carballo a uns 122 nadadores, 61 mozas e 61 mozos. A AD Fogar xogarase o título e o ascenso co C.N. Arteixo, en calidade de favorito, e co C.N. Vigo Rías Baixas, mentres que pola permanencia loitarán o C.N. Mos, a A.D.N. Narón e o U.S.C. Desta volta AD Fogar concursará cun equipo formado por 22 nadadores-as, das que 11 pertencen á categoría feminina e outros 11 a masculina; entre os que se repartirán as 40 probas da xornada, 32 individuais e 8 substitucións. O equipo afronta esta derradeira xornada coa firme intención de acadar unha das 2 prazas de ascenso á primeira división, pero tamén coa ilusión de loitar ata a última brazada polo título.