A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou o concello de Coristanco, co que a Xunta colaborou o ano pasado cunha axuda de máis de 52.700 euros para a adquisición de dous vehículos para facilitar as tarefas levadas a cabo por dúas brigadas medioambientais.
Ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, a Xunta apoiou a compra dun camión caixa aberta e con boquete e unha furgoneta cerrada, para que os efectivos das patrullas medioambiental de Coristanco poidan retirar os vertidos incontrolados nos núcleos do municipio para a súa posterior xestión de residuos nas plantas correspondentes. As brigadas tamén se encargan da rexeneración destas zonas e da limpeza e conservación das áreas recreativas de gran interese paisaxístico que atraen aos visitantes.
A axuda enmarcase no Fondo de Compensación Ambiental, que conta este ano cun orzamento de 11,3 millóns de euros co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento e a recuperación sostible dos municipios galegos. A Xunta apoia a través deste fondo ás entidades locais na conservación da biodiversidade e na protección do medio ambiente e do espazo natural, así como na mellora da eficiencia enerxética das instalacións e edificios municipais e a utilización de enerxías renovables.
No caso do concello de Coristanco realizáronse melloras nas traídas de auga, na rede de saneamento en varios núcleos, ademais de colocar contedores para a separación de residuos e depuradoras en varias parroquias. Tamén no marco da Orde de Infraestruturas de uso público, que financia a creación ou mellora de instalacións municipais, se actuou en varios parques infantís.
O concello de Coristanco recibiu o ano pasado axudas da Xunta a través do Fondo do Compensación Ambiental, ao igual que os municipios de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cerceda, Dumbría, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Muxía, Vimianzo e Zas. En total, o Goberno galego colaborou en 12 actuacións ás que destinou máis de 565.600 euros deste fondo.
Natalia Prieto incidiu na importancia da colaboración entre a Xunta e os concellos para levar a cabo actuacións que redunden no benestar da veciñanza e que en Coristanco supuxo nos últimos anos un investimento de case 768.000 euros. Nesta liña, sinalou que este apoio é fundamental sobre todo nos concellos máis pequenos para que poidan levar a cabo iniciativas que en solitario lles resultaría máis complicado ou non serían posibles.