Navantia botou este venres o buque Nuship ‘Stalwart’, o segundo que constrúe Navantia para a Real Mariña Australiana, nunha cerimonia na que a contraalmirante retirada Stephanie Moles exerceu como madriña do barco.
Coa saída do ‘Stalwart’ do estaleiro ferrolán, o programa de construción para Australia achégase á recta final, xa que o seu xemelgo, o ‘Nuship Supply’, botado en novembro do ano pasado, está agora na fase de probas previas á súa entrega, prevista para os primeiros meses de 2020.
No acto, a presidenta de Navantia, Susana de Sarriá, anunciou que o estaleiro de Ferrol iniciará en breve a execución dun plan de investimentos de máis de 160 millóns de euros para a súa transformación dixital para as fragatas F110, o que xerará máis de 700 empregos durante os próximos 5 anos, a maioría de empresas da zona.