O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, constatou a posición de liderado de Galicia no sector da eólica mariña, cun novo encargo para a construción de 62 jackets en Navantia Fene para o parque eólico de Saint-Brieuc, o primeiro parque mariño a gran escala na Bretaña francesa.
Durante o acto de sinatura do acordo, Feijóo subliñou que este contrato supón para o estaleiro de Fene a adxudicación de maior contía ata a data no sector da eólica mariña, cunha carga de traballo que pode superar os 20 meses e as máis de 1,3 millóns de horas. Ademais de contribuír a afianzar a dimensión internacional do estaleiro ferrolán e a súa capacidade de diversificación.