‘Nbego’, a tartaruga mariña atopada en abril en Cariño, volve ao mar tras a súa recuperación

1 minutes read

A tartaruga mariña localizada a finais de abril á altura da localidade de Cariño foi liberada no mar tras completar a súa recuperación nas instalacións da Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma). O exemplar, que foi bautizado co nome de Nbego, embarcou nunha patrulleira do Servizo de Garda Costas da Consellería do Mar.

Nbego foi localizada o pasado 20 de abril tras quedar atrapada nas redes do barco Nuevo Begoña, con base en Cariño. A rápida actuación do patrón, que en canto advertiu a captura, desenmallou a tartaruga e deu aviso ao Cemma, foi clave para garantir a súa supervivencia.

Tras recibir as primeiras recomendacións dos expertos, a tripulación fixo unha serie de exercicios co animal mentres aínda estaban a bordo e lograron que a tartaruga expulsara a auga que podía ter inspirado.

Xa en terra, o equipo veterinario realizou as pertinentes probas diagnósticas que permitiron verificar que a tartaruga —que no momento do varamento medía 33 centímetros e pesaba 2.200 gramos— non sufrira consecuencias como resultado da súa captura. Desde o seu ingreso na UCI de tartarugas mariñas que o Cemma ten instalada en Nigrán, o estado do animal foi moi bo e de seguida comezou a alimentarse por si mesmo.

Posteriormente, nunha segunda fase, a tartaruga mariña foi trasladada ao Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería do Mar e localizado na Illa de Arousa, no que recibiu os coidados do profesorado e alumnado do centro.