Necesidades e Plan de Mantemento Preventivo do PP, para coidar Carballo día a día

1 minutes read

Según informa o candidato Aurelio Núñez o mapa de necesidades consistirá nun estudo serio, profundo e continuado do estado das rúas, beirarrúas, estradas, iluminación, limpeza diaria, saneamentos… Un estudo elaborado por técnicos que escoiten ás veciñas e veciños do núcleo urbano, dos barrios e das parroquias. O obxectivo é facer un diagnóstico real para abordar a renovación dos espazos públicos e a mellora dos servizos básicos.
Di Aurelio que «isto permitiranos desenvolver de xeito paralelo un Plan de mantemento preventivo. Para que todos estes espazos públicos se conserven en bo estado, hai que coidalos. Se se realizan obras de mellora e non se realiza un mantemento axeitado, deterióranse de forma acelerada».
Asegura que “non imos esperar a que as cousas rompan para arranxalas. Imos vixiar de forma constante o estado de rúas, beirarrúas e mobiliario urbano para evitar o seu deterioro”.
Responsabilidade de todos
O Partido Popular dará o primeiro paso para ter un Carballo coidado todos os días do ano, pero tamén é consciente de que a labor das veciñas e veciños é fundamental para iso. Estes plans irán acompañados dunha intensa campaña informativa para que entre todos coidemos o noso concello.
Como explica o candidato, “desenvolveremos campañas de concienciación ambiental que permitan o coidado colectivo dos nosos espazos públicos. A nosa casa témola que coidar entre todos”.