Negreira, Cee e Corcubión contan con novos murais da II edición de «Arte no Camiño»

2 minutes read

Trátase dun proxecto impulsado pola Deputación da Coruña coa colaboración da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e dos Concellos de Miño e Carral.

A iniciativa busca integrar a arte urbana nas rutas xacobeas que discorren pola provincia, reforzando a identidade local e enriquecendo a experiencia de peregrinos, visitantes e veciñanza. Con esta edición, o programa consolídase como unha aposta estratéxica pola cultura contemporánea, pola memoria e pola posta en valor do territorio.

O deputado provincial Antonio Leira, destacou que «Arte no Camiño converte a paisaxe en espazos de expresión artística. Este proxecto permite aos artistas reinterpretar a historia, as lendas e a identidade das nosas vilas, e ao mesmo tempo ofrece aos peregrinos unha experiencia cultural única, integrada no Camiño». Leira asegurou que a Deputación seguirá apoiando iniciativas que «fortalezan o carácter cultural do Camiño e dean visibilidade ao talento artístico da nosa provincia».

Os actos de inauguración contaron coa participación do deputado provincial, dos alcaldes e alcaldesas dos concellos implicados e de representantes da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, así como das e dos muralistas, que explicaron o significado das súas obras e o vínculo co Camiño, co territorio e coas súas tradicións.

Os murais da II edición de «Arte no Camiño»

Negreira – Yoseba MP. «Encontro galáctico no Camiño de Santiago»

No mural, o artista representa o último carro tirado por bois de Negreira, conducido por unha parella de anciáns que se cruza no camiño cun grupo de peregrinos. A obra simboliza o encontro entre tradición e presente, a memoria da vida rural e a evolución dos camiños que levan a Compostela e ao fin da terra.

Cee – MØU · «O Reflexo»

O mural reflicte a introspección que acompaña o acto de camiñar. A figura protagonista, mergullada na auga, tenta ver un reflexo difuso que representa a procura da identidade e do obxectivo persoal. Os xuncos que a rodean fan referencia á lenda da Xunqueira, mentres que as estrelas simbolizan os logros alcanzados durante a viaxe.

Corcubión – Laura Suárez

A obra recupera un episodio histórico do ano 1807, cando as mulleres de Corcubión impediron que os homes marchasen novamente á guerra contra as tropas francesas. O mural está pensado para interactuar co peregrino: quen se achega dende o camiño ve primeiro os homes armados e, ao avanzar, as mulleres que os detiveron, sobre un chan de cunchas que evoca o paso das persoas camiñantes.