Negreira intentará evitar as inundacións na rúa Teresa Fabeiro Caamaño


Os traballos suporán un investimento de 191.906,85 euros, dos que o 80% serán achegados pola Deputación e servirán para evitar as inundacións que periodicamente se producen en sotos, garaxes e baixos comerciais e que afectan a outras rúas adxacentes (Rosalía de Castro, Rúa do Tambre e Rúa Castelao), así como o retorno de augas fecais que afecta entre outras instalacións ao CEIP O Coto debido ao exceso de caudal e a aos continuos atascos que se producen na deficiente rede de saneamento actual.

As obras consistirán na construción dunha nova rede separativa de pluviais e fecais, que discorrerá ao longo de toda a rúa e que estará dimensionada para evitar a carga excesiva que colapsa a rede actual, facilitando un mellor rendemento da EDAR e beneficiando tanto aos veciños da zona coma as instalacións educativas da zona.

Os traballos inclúen tamén a reurbanización posterior, o reasfaltado da rúa e pintado das marcas viais, pasos de peóns e demais sinaléctica.