Un incendio iniciado nun cuarto dunha vivenda da Avenida da Barcala, en Negreira, foi a causa pola cal unha muller resultou afectada pola inhalación de fume. Esta persoa, de avanzada idade e encamada, tivo que ser trasladada polos servizos sanitarios de urxencia ao Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela. No incendio ardeu un salón con distintos utensilios que había no seu interior como un sofá, roupa e outros elementos. Ademais, o resto da vivenda resultou bastante afectada polo fume. Así o confirmaron os membros do GES de Brión ao 112 Galicia.
Os xestores do 112 deron aviso inmediato aos Bombeiros do Xallas e aos membros do GES de Brión, ademais, por precaución, puxeron en alerta ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia que, finalmente, tiveron que intervir e evacuar á muller que resultou afectada. No operativo tamén participaron, tras ser informados polo 112 Galicia, os axentes da Garda Civil e os efectivos de Protección Civil da localidade. Unha vez extinguido o lume e ventilada a vivenda, os servizos de emerxencias deron por rematada a intervención.