Nenos e adolescentes malpicáns coidan as praias da man do ‘Aprende a través do surfing’

Imagen de la misma iniciativa en la localidad de Camariñas

  • As actividades están impartidas pola escola malpicá One Surf Academy e prolongaranse durante as vindeiras semanas

Arredor de 60 rapaces de Malpica coñecerán o surf e os seus valores grazas á iniciativa ‘Aprende a través do surfing’. As actividades presenciais, subvencionadas polo Concello e a Deputación da Coruña, comezaron este xoves e prolongaranse durante as vindeiras semanas.

Alumnos dos CEIP Rodríguez Otero de Buño, Milladoiro de Malpica e do IES Urbano Lugrís de Seaia participan nesta disciplina deportiva da man da escola local One Surf Academy. Este xoves foi o turno do alumnado do centro do Milladoiro que, se a climatoloxía o permite, seguirá participando nas actividades o 24 e o 25 de maio, mentres que o do Rodríguez Otero e o do Urbano Lugrís desenvolverán o programa no mes de xuño.

Esta iniciativa, que tamén se realizou en máis concellos da Costa da Morte, está promovida pola Federación Española de Surfing e a entidade Surf and Clean en diferentes municipios de Galicia. O obxectivo da mesma é concienciar á sociedade sobre o respecto ó medio comezando pola parte máis nova da poboación.

Desde o goberno local destacan a importancia de accións formativas deste tipo para que “as nosas praias, os nosos montes e o noso entorno estean nas mellores condicións posibles”.