- O número de teléfono 981 184 294 está a disposición das familias para que trasladen as súas demandas en materia educativa
Este martes 14 todas as familias con fillos que cursen calquera das etapas da ensino escolar poderán chamar ao 981 184 294 para lle trasladaren ao concello de A Coruña as súas dificultades e poderen acceder ao material didáctico e aos recursos dixitais.
A alcaldesa, Inés Rey, asegura que o Goberno local «non vai deixar a ninguén atrás ante esta situación e poñerei todos os medios ao meu alcance para dotar de recursos escolares a todo o alumnado que o necesite e mesmo material informático para a rapazada máis desfavorecida».
O Concello da Coruña, a través das Concellerías de Benestar Social e de Educación e coa colaboración do voluntariado que está a prestar axuda en diversas actuacións durante esta crise sanitaria pretende distribuír coa campaña «Ninguén atrás», e na medida do posible, as leccións da casa ou diverso material didáctico, entre as pequenas e pequenos que non dispoñen de Internet e que até o de agora non puideron facer as súas tarefas, ou as realizaron con dificultades, durante o confinamento.
Desde a Concellería de Educación solicitaranlles aos cadros directivos dos colexios que lles faciliten os datos para que os traballadores do CMIX, que atenderán as chamadas, poidan coordinar os materiais/recursos e repartilos nos seus domicilios. Desta maneira, este programa nace da coordinación das dúas concellerías co fin de solucionaren un problema que afecta a moitos escolares da cidade que «non poden quedar atrás por non teren recursos dixitais nos seus domicilios».