Ningún dos cinco ex-conselleiros que Feijóo presentou ás municipais gobernará

  • O presidente fracasa coa maioría das súas apostas máis persoais e con operacións que, tras admitir que debilitaban a Xunta, agora fan o mesmo co PP en varios concellos que perde

O primeiro dos seus conselleiros que Feijóo sacrificou para intentar manter o poder nunha das sete grandes cidades galegas foi en 2014 Agustín Hernández, daquela titular de Medio Ambiente e Infraestruturas que malia ser o último da lista de Santiago nas eleccións previas de 2011 se tivo que facer cargo da alcaldía tras a imputación de boa parte do goberno local tras un mandato de maioría absoluta popular marcado polos escándalos. Hernández gobernou menos dun ano e foi candidato nas eleccións de 2015, pero con el o PP baixou de 13 a 9 concelleiros, superado por Compostela Aberta. Agora Feijóo mantivo novamente a confianza nel e o resultado foi a perda doutro concelleiro e ser adiantado polo PSdeG cos peores resultados da historia do PP na capital galega.

En 2015 Feijóo decidiu sacrificar outros dous conselleiros, os seus daquela titulares de Educación, Jesús Vázquez, e Facenda, Elena Muñoz, para intentar facerse coas alcaldías de Ourense e Vigo. Só o primeiro o logrou, en minoría, pero agora baixa de 10 a 7 concelleiros e só un improbable pacto con Democracia Ourensana lle permitiría gobernar por diante dos socialistas, que foron a forza máis votada. En Vigo Muñoz xa empeorara en 2015 os resultados previos do PP e agora faino aínda máis, baixando de 7 a 4 concelleiros e apenas o 14% dos votos.

Tras eses tres casos, hai medio ano Feijóo decidiu prescindir tamén dos conselleiros de Política Social, José Manuel Rey Varela, e Medio Ambiente, Beatriz Mato, para intentar que o primeiro recuperase a alcaldía de Ferrol que xa ocupara e a segunda intentase tombar á Marea Atlántica. “Reafírmome en que se por min fose non cambiaría a Xunta”, dixo Feijóo daquela, evidenciando que ao seu ver o sacrificio que facía para intentar conseguir esas alcaldías estaba a empeorar o seu propio Goberno. Agora Mato vén de perder un escano e deixa a alcaldía en mans do PSdeG mentres que Rey Varela vén de ser o máis votado en Ferrol, gañando un escano, pero sen obter maioría suficiente para impedir outra alcaldía socialista.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha