‘Ninja’, con Teatro Ghazafelhos | Unha historia divertida este mércores en Carballo


Ninja é unha obra lúdica e pedagóxica onde se trata o tema do acoso escolar. A través dunha historia divertida e chea de frases filosóficas sobre a tolerancia, o respecto, a diversidades, amosa o máis importante para resolver un problema: visualizalo.

Amelia é unha nena do rural que vai á escola. Encántanlle a cultura oriental, o karate, o Kung Fu, o Jiu Jitsu, as pelis de Bruce Lee, Jackie Chan… e soña con ser Ninja!!! Adestra todos os días para pasar inadvertida e observar aos demais como unha auténtica Ninja… Grazas a esa condición descobre que no cole hai nenos e nenas que tamén queren pasar inadvertidos, pero non para ser Ninjas, senón, para que outros nenos e nenas non abusen deles. Coa axuda de Amelia e o señor Edelmiro, un velliño ao que Amelia acode a buscar consello, conseguirán que os nenos inadvertidos se fagan visíbeis e cambien as tornas na escola.

Cunha duración de 50 minutos, a cita será este mércores 28 de decembro ás 18:00 horas no Pazo da Cultura de Carballo. O evento está organizado polo Concello, en colaboración coa Deputación da Coruña. O prezo da entrada 3€/2€ (máis gastos de xestión).