Nissan confirma o peche da súa planta de Barcelona

1 minutes read
  • Esta decisión supoñerá o despido de 3.000 persoas que traballan directamente para a compañía

A compañía xaponesa Nissan pechará a súa fábrica en Barcelona, unha acción que supoñerá o despedido de 3.000 persoas, aínda que tamén se verán prexudicados uns 25.000 traballadores indirectos.

O Goberno recibiu de forma oficial esta decisión á primeira hora deste xoves, unha decisión que o Executivo tentou evitar. O Ministerio de Industria lamentou a situación e propuxo á presidencia da firma xaponesa crear un grupo de traballo para buscar alternativas á fábrica.

A planta chegou a reactivar a súa produción despois do confinamento, pero finalmente viuse obrigada a pechar pola folga indefinida que mantiñan os traballadores desde o pasado 4 de maio.

Desde o Ministerio de Industria insistiron en que a continuidade da fábrica barcelonesa ten sentido económico para Nissan Motor, «ao ser máis rendible investir que asumir o custo do peche, que podería superar os 1.000 millóns de euros».

Con todo, o presidente de Nissan Europa, Gianluca de Ficchy, asegurou que non existe «ningunha solución viable de futuro» para as instalacións produtivas do grupo en Barcelona, descartando así a posibilidade de que a compañía xaponesa dea marcha atrás á súa decisión de pechalas a partir de decembro.

Esta decisión provocou que moitos traballadores se concentrasen no día de hoxe en fronte da fábrica como protesta.

O Goberno de España convocará nos próximos días a Generalitat, Concello de Barcelona, Consorcio Zona Franca e centrais sindicais para analizar conxuntamente a situación.