Aprazado o festival «O Son do Camiño», no aire a celebración do Arde Lucus ou o San Xoán

1 minutes read

A crise sanitaria deixa un goteo incesante de actos culturais cancelados. Esta vez tócalle a quenda ao Son do Camiño, que se atrasa ata despois do verán.

A organización non ve posible a súa celebración a finais do mes de xuño, como estaba programado, e busca datas no último trimestre do ano. O Son do Camiño, que vendeu todas as entradas en só unhas horas, é unha das grandes citas musicais do ano.

E tras o batacazo da suspensión dos eventos da Semana Santa, a crise sanitaria deixa no aire, xa con vistas ao verán, a celebración de importantes eventos lúdicos e culturais en Galicia. É o caso da festa Arde Lucus, que podería anularse en datas próximas se a pandemia do coronavirus non mellora. Arde Lucus está programado para o 26, 27 e 28 de xuño. O concello de Lugo aínda non se marcou prazos para despexar o futuro da festa, pero adianta que se non hai suficientes garantías, será preciso suspendela. Na Coruña, tamén está no aire a celebración do San Xoán, quizais a festa máis popular da cidade e que reúne nas praias urbanas a miles de persoas.