A candidata á Secretaría Xeral do PSdeG na provincia da Coruña, Noa Díaz, mantivo encontros coa militancia de Fisterra, Cee e Ponteceso, onde apelou a fortalecer a estrutura municipalista do PSdeG na provincia da Coruña de cara ás eleccións municipais que se celebrarán en 2023.
“Precisamos un partido forte para afrontar os retos electorais de 2023”, sentenciou a socialista quen se comprometeu a reforzar o apoio aos grupos municipais, especificamente, os servizos técnicos e xurídicos provinciais a disposición de todos os grupos municipais.
“As nosas concelleiras e concelleiros e as nosas alcaldesas e alcaldes, especialmente aquelas e aqueles que traballan en concellos pequenos, precisan ferramentas e apoio técnico para poder desenvolver as súas tarefas”, sinalou.
Neste sentido, propuxo desenvolver un plan de formación anual específico para concelleiras e concelleiros sobre os procedementos da administración local.
Así, comprometeu tamén a creación de estruturas de colaboración intermunicipal “que permitan aproveitar o coñecemento, experiencias e sinerxías entre grupos municipais de distintos concellos” porque “ás veces nos atopamos con que varios municipios diferentes da mesma provincia teñen as mesmas problemáticas”.
Con todo, chamou a converter o Consello de Alcaldes nun Consello Municipal coa inclusión das voceiras e voceiros municipais neste órgano “para darlles máis peso aos grupos municipais que non están no goberno”.
Por último, Díaz comprometeu unha mellora no servizo de comunicación da Secretaría Xeral Provincial. “Temos que dar ferramentas, dende a organización, para que os grupos municipais poidan dar a coñecer o seu traballo en medios de comunicación, redes sociais e outras publicacións, xa que é fundamental para que transcenda á cidadanía o noso traballo”, concluíu.