Noa Díaz proponse crear unha agrupación socialista en todos os concellos coruñeses


Na súa visita a Cerceda a candidata á Secretaría Xeral do PSdeG na provincia da Coruña, Noa Díaz, propúxose crear en todos os concellos da provincia unha agrupación socialista, xa que “é preciso fortalecer o partido dende a militancia de base” porque “as e os militantes son a esencia do PSdeG”.

“Estamos moi contentos pola acollida do noso proxecto”, sinalou a socialista tras pasar o ecuador da campaña das eleccións primarias e visitar máis de 30 agrupacións da provincia.

No día en que mantivo encontros coa militancia das agrupacións de Cerceda, Carral, A Capela e Arteixo, Díaz reivindicou “recuperar o espírito orixinario das casas do pobo, pero non só de xeito presencial senón tamén dixital”.

“Cómpre avanzar no proceso de dixitalización do partido, por iso queremos axudar ás pequenas agrupacións na creación das súas páxinas webs e redes sociais para que todas as agrupacións teñan a súa propia Casa do Pobo virtual e poidan achegarse dende elas á cidadanía”, sinalou.

Neste sentido, avanzou que, se é elixida secretaria xeral provincial, promoverá “un vínculo máis estreito” con todas as agrupacións e visitará cada unha delas, polo menos, unha vez durante o primeiro ano de mandato.

Co obxectivo posto en revitalizar a estrutura provincial, a socialista anunciou ademais que convocará un comité provincial cada tres meses e que creará un boletín informativo para enviar á militancia. “Precisamos canles de comunicación entre nós que fortalezan as nosas relacións coa cidadanía e tamén coa nosa propia militancia”, incidiu.

Por último, a socialista chamou a abordar unha actualización dos datos do censo de militantes durante este primeiro ano de mandato de cara a afrontar os procesos electorais municipais de 2023. “Temos que poñer todas as nosas enerxías en fortalecer a nosa organización para afrontar as citas electorais do vindeiro ano”, concluíu.