Noa Díaz urxe á Xunta a mellorar a seguridade da AC-400 en Mazaricos

A parlamentaria socialista Noa Díaz vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que leve a cabo as obras necesarias para mellorar a seguridade na estrada AC-400 ao seu paso por Mazaricos. En concreto, Díaz apunta ao quilómetro 11, no cruce coa estrada que leva a Arcos e Colúns, no lugar das Paxareiras, pola elevada sinistralidade rexistrada nese punto concreto.

A parlamentaria socialista urxe a executar as medidas necesarias para mellorar a seguridade nesta vía, onde “o máis axeitado sería converter a intersección nunha rotonda, que obrigaría a minorar a marcha, ademais de mellorar a visibilidade”. Esta estrada comarcal, que soporta moito tráfico pesado, resulta moi transitada, especialmente na época estival, xa que conecta coa Costa da Morte.

Lembra que a veciñanza local, a través do Grupo Municipal Socialista, “teñen manifestado en varias ocasións a súa preocupación pola perigosidade do cruce, que parte dun pronunciado cambio de rasante nun traxecto no que os vehículos transitan a unha velocidade elevada”.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha