Noia | Avanzan a construción da nova multipista deportiva no Colexio Felipe de Castro


O Concello de Noia continúa coa súa firme aposta polo deporte local e por mellorar as instalacións deportivas do municipio. Así, a vila contará nas vindeiras datas cunha nova multipista no Colexio Felipe de Castro. Unha futura instalación que poderá ser empregada tanto polo alumnado do centro, dentro do horario lectivo, coma polo resto da veciñanza fóra do horario lectivo.

A multipista estará habilitada para practicar diferentes modalidades deportivas tales coma fútbol sala, baloncesto, tenis, bádminton ou pádel, entre outras.

A actuación, que conta cun investimento de 100.000 euros do que a Xunta aporta o 75% e o Concello o 25% restante, está enmarcada dentro do novo Plan da nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.