O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o concelleiro de Cultura e Turismo do Concello de Noia, José Pérez, asinaron un acordo de colaboración para a promoción e reactivación do sector turístico no municipio.
Desta maneira, a Deputación contribuirá ao financiamento da campaña de promoción do turismo de Noia cun total de 14.520 €, o 80% do orzamento total da iniciativa que inclúe a creación da marca turística de Noia, o portal de turismo e a estratexia de marketing dixital do destino.
Ademais, o proxecto inclúe a impresión de 10.000 dípticos co mapa turístico, rutas e destinos do territorio e o plan turístico para reactivar a hostalaría.
A iniciativa ten como obxectivo a promoción e reactivación do sector turístico despois da repercusión da Covid19 que produciu unha notable caída de visitantes poñendo en cuestión a sostenibilidade do sector privado e que conleva tamén un prexuízo para os servizos que o territorio oferta no mercado turístico.