Noia presenta unha nova edición do campamento de conciliación familiar de Nadal


O Concello de Noia presentou este mércores unha nova edición do campamento de Nadal, unha iniciativa da concellería de Deportes Xuventude que ten como obxectivo prioritario permitir ás familias do municipio conciliar a vida laboral, persoal e familiar durante as vacacións de Nadal.

O campamento desenvolverase do 23 de decembro ata o 4 de xaneiro e vai dirixido á rapazada de 3 a 12 anos. As familias que o desexen poden inscribirse a partir do vindeiro luns, 12 de decembro, casa do Concello.
As actividades levaranse a cabo en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 h e, outro ano máis, o campamento ofrecerá o servizo de madrugadores, de 7:30 a 10:00 h, e tamén o servizo de recollida tardía ata ás 15:00h, que permite aos nenos e nenas estar unha hora máis.

O prezo da actividade madrugadores será de 15 euros, a do campamento 20 euros e a recollida tardía terá un custo de 6 euros.
Tras a presentación, a Concelleira de Deportes e Xuventude, Laura Salgado García, destacou “o compromiso do goberno local por seguir ofrecendo actividades que promovan a conciliación da vida laboral e familiar nos períodos e datas nas que os nenos e nenan non teñan clase”.