Non hai dúas sen tres, Obradoiro continúa invicto


O Obradoiro volveu gañar, e van 3 seguidas. Esta vez a vítima propiciatoria foi un intenso Betis, quen vendeu cara a súa derrota e acabou fincando o xeonllo no parqué de Sar, o pasado domingo, mercé a unha notable defensa compostelá e a unha maior consistencia no rebote ofensivo (crucial no último cuarto) debido a que, no cómputo xeral reboteador, tan só houbo unha captura máis (31 béticas por 32 obradoiristas). As porcentaxes de ambos os conxuntos son parecidísimos no referente a anotación. A pesar de todo, Obradoiro lanzou máis e, por tanto, encestó máis. Resultado final, 87 a 80 para os da casa.

Era o partido 300 na liga ACB do corpo técnico dirixido por Moncho Fernández. Tamén volvían a Santiago 2 ex-Obradoiro, tanto o adestrador Curro Segura (primeiro adestrador do Obra na ACB) como o pivote Spires, quen xogou a tempada pasada no equipo local.

Comezaba Obradoiro xogando ao grande, con forza e acerto. En apenas 40 segundos, Beliauskas (13 puntos, 3 rebotes, 1 asistencia e 11 de valoración) anotaba 2 triplos. Completado por un terceiro de Mike Daum (12 puntos, 3 rebotes, 1 asistencia e 9 de valoración), no minuto 3 e medio. O americano destacaba sobre maneira no primeiro cuarto, anotando 7 puntos dos seus 12 totais. Con todo, non remataba o conxunto galego, e o Coosur Betis recortaba distancia baseándose no rebote ofensivo, que dominou neste primeiro acto, anotando 9 dos 17 puntos en segundas oportunidades. Fin do cuarto con 26-22 para o Obra.

O segundo cuarto empezou cun Álex Suárez anotador, 2 triplos para tomar a substitución dos lituanos, ambos no banco ante a sobrecarga de falta primerizas. Pola súa banda, Feldeine (12 puntos, 4 rebotes e 7 de valoración) respondía o lanzamento compostelán, tamén desde a liña de 6,75 e aumentaba a intensidade andaluza. Os galegos tiraban pola borda unha renda de 7 puntos e o marcador axustábase ao descanso a un só punto, 43-42.

Volvía o Obra á pista con alta dose de acerto no lanzamento exterior. Quenda para Czerapowicz e Daum no triplo, 59-52 no ecuador do terceiro cuarto. A pesar da anotación, os composteláns mostrábanse un “pelín” cansos tras 3 partidos en apenas unha semana e non eran capaces de abrir brecha no marcador. Apareceu a figura do mellor visitante onte, Harrow (23 puntos, 2 rebotes, 4 asistencias, para asinar 24 unidades de valoración) volvendo “tola” a defensa ideada polo coach local. Táboas no terceiro cuarto, 24 a 24, para seguir como ao descanso, un punto arriba Obradoiro, 67-66 no minuto 30.

O último cuarto foi o feudo particular de Pepe Pozas (14 puntos, 4 rebotes, 2 asistencias e 24 en valoración) e do xa habitual Birutis, mvp do partido con 17 puntos, 8 rebotes, 1 asistencia e 25 de valoración.

Curiosamente, o fallo no tiro exterior local do último cuarto foi compensado con penetracións do base malacitano do Obra e 2+1, como o dun “espéraseche con impaciencia” Cohen (chamado a ser moito máis importante), disparando a vantaxe a 8 puntos, 75-67 no minuto 34.

Novamente Harrow, que parecía infalible o domingo, trataba de apertar o marcador. 81-78 no minuto 37, pero xa non houbo máis reacción. Rebotes ofensivos clave, ademais do acerto nos tiros libres de Pozas e a conexión lituana, Beliauskas- Birutis, finiquitaban o encontro para os da capital de Galicia. 87-80, xogo, set e partido, #ante un bo Betis que perdeu o encontro tras facer moitas cousas ben pero que adoeceu de consistencia no rebote, sobre todo ofensivo, no último cuarto, como ben sinalaba o adestrado bético.

Terceira vitoria consecutiva e Obradoiro que repite o seu mellor arranque histórico na ACB, o da tempada do play off, 2012-2013.Postos a pedir, por que non superalo e gañar en Bilbao para afianzarse no máis alto do campionato. Próximo sábado, ás 18 horas no Mirivilla da capital biscaíña. Polo momento, segundos na liga Endesa tras un Real Madrid con mellor average. E que siga a festa…

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO