‘Non puiden evitalo, pido perdón ás vítimas’, dixo o maquinista do Alvia na súa declaración

1 minutes read

Francisco José Garzón Amo, maquinista do tren que o 24 de xullo de 2013 descarrilou na curva da Grandeira, en Angrois, chegando a Santiago, co resultado de 80 mortos, declarou este xoves durante pouco menos dunha hora e contestou só ás preguntas do seu avogado, Manuel Prieto, asegurando que freou, pero foi imposible evitar o accidente: «Non puiden evitalo». Garzón afirmou tamén que os sistemas de protección que non había no momento do sinistro e que están instalados hoxe en día «había séculos que existían» e que deberían estar en pleno funcionamento cando ocorreu o accidente.

Manifestou que non había sinais que lle inducisen a unha redución graduada da velocidade. Ata que se topou cos 80 quilómetros por hora na curva da Grandeira cando o tren circulaba a máis do dobre do límite permitido. Tamén contou que a chamada de servizo do interventor de a bordo, á que «é obrigatorio contestar», o deixou descolocado. Creu que estaba no túnel anterior. «Perdín a conciencia situacional», concluíu.

Ademais durante o interrogatorio lamentou o trato que recibiu tras ser detido: «foi criminal». Dixo que cre que o entón ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, quería anunciar a súa detención. Antes de finalizar a declaración, o maquinista volveu pedir perdón ás vítimas do accidente, e entre saloucos dixo: «Non puiden evitalo».