O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou este martes na conferencia de prensa tras a reunión do comité clínico, que a Xunta decidiu volver abrir a mobilidade para encontros familiares nos municipios con peche perimetral entre as 00 horas do día 30 de decembro e as 23 horas do día 1, mentres que se ampliará o toque de queda ata a 1:30 horas na noite de fin de ano.
Segundo indicou o conselleiro son medidas de «continuidade» con respecto a Noiteboa e Nadal, non de máis flexibilidade, non se poden facer encontros na rúa, nin fumar nin comer nin beber. Ademais a recomendación é manter as reunións familiares só co núcleo de conviventes e, no caso de non ser así, cun máximo de dez persoas se se trata de dúas unidades familiares e só seis no caso de máis de dous.
Ademais, hai varios cambios con respecto á hostalería. Os locais que se atopen en concellos co nivel de restricións medio-alto ou máximo, poderán abrir ata as 18:00 horas, unha hora máis que na actualidade.