- En Carballo aínda queda xente solidaria que lonxe de facer negocio a conta da pandemia, doan tempo, material e cartos para tratar de combatela.
É o caso das costureiras que fan mascarillas de tela, o profesorado do IES Monte Neme que fabrica máscaras de protección ou algunhas empresas locais que tamén dun xeito desinteresado están cedendo os materiais necesarios para eses produtos, que non son nada doados de conseguir.
A fabricación de máscaras estase estendendo a través de iniciativas coma as de Soneira Fernandez Sergio e Rocío Villar, unha parella carballesa que leva repartidas de maneira gratuíta 230 máscaras fabricadas con impresoras 3D entre forzas de seguridade, sanitarios, centros sociais e empresas. E, como pasa no IES Monte Neme, no seu caso tamén escasean os materiais, sobre todo acetatos, gomas e filamento.
Facémonos eco da súa demanda, para que se alguén dispón dese material e quere colaborar se poña en contacto con eles.