Nova acción formativa para desempregados na Laracha, centrada na atención sociosanitaria a persoas dependentes

1 minutes read

O Concello prevé iniciar despois da Semana Santa unha nova acción formativa para persoas desempregadas (AFD) que se vai impartir na Laracha e estará centrada na atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. A iniciativa ponse en marcha en colaboración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.

Tras unha primeira selección do alumnado, aínda quedan prazas dispoñibles. Poden optar a elas as persoas que se atopen en situación de desemprego e que teñan, canda menos, o graduado en ESO, competencia clave ou equivalente.

O plan formativo constará dun total de 528 horas. Incluirá prácticas en empresas e tamén dereito a bolsa de estudos para os participantes. Os alumnos que finalicen o programa con éxito recibirán o certificado de profesionalidade que acreditará a formación cualificada completa na materia obxecto da formación.

As persoas que estean interesadas en realizar esta acción formativa para desempregados e que cumpran os requisitos establecidos poden solicitalo no departamento municipal de Emprego acudindo ao Edificio Administrativo da Laracha, chamando ao 981612811 ou enviando un correo electrónico a emprego@alaracha.es indicando o seu número de teléfono.