Nova campaña contra a prostitución dirixida ao consumidor: “Se es cliente, pagas a súa escravitude”


  • O ano pasado a Policía Nacional liberou a 921 vítimas de trata –das que 896 eran mulleres- e detivo a 481 persoas por estes feitos

A Policía Nacional acaba de lanzar un novo vídeo coincidindo coa celebración do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas dirixido, por primeira vez, ao consumidor de prostitución. “Se es cliente, pagas a súa escravitude”, é unha das advertencias máis contundentes desta campaña coa que a Policía Nacional pretende concienciar de que máis do 80% das mulleres prostituídas en España son vítimas de trata. Este delito xera beneficios millonarios tanto en España como a nivel mundial, co que se converte nun dos negocios ilícitos máis rendibles, só equiparable ao tráfico de drogas e de armas.

As vítimas son mulleres, entre as que se atopan menores, que buscan un traballo digno en España e que son captadas polas mafias, quen lles fan crer que para alcanzar esa nova vida deben pagar cantidades inxentes de diñeiro. Unha vez no país, as organizacións criminais infórmanlles de que contraeron unha elevada débeda que deberán saldar exercendo a prostitución de maneira forzosa, polo que se verán obrigadas a prostituírse durante anos.

Durante o ano 2019, a Policía Nacional realizou un total de 515 operacións relativas a explotación sexual e trata de seres humanos con fins de explotación sexual, liberando a 921 persoas, das que 896 eran mulleres. Nestas operacións foron detidos 481 autores deste delito. Durante os primeiros oitos meses de 2020, xa se realizaron 333 operacións similares.

A Policía Nacional mantén activo o número de teléfono 900 10 50 90 e o correo electrónico trata@policia.es para que calquera cidadán poida achegar información se considera que coñece algún caso de trata de seres humanos. Ambas opcións son gratuítas, confidenciais e xestionadas directamente por axentes especializados.