- A Escola Basket Xiria e o Concello de Carballo colaboran coa causa.
A iniciativa solidaria pretende que os Reis Magos cheguen este ano ás casas de 110 nenos e nenas que, probablemente, doutro xeito non recibirían agasallos.
Un ano máis, a Cruz Vermella conta, sobre todo, cunha colaboradora de excepción: a Escola Basket Xiria, que non só recollerá doazóns de xoguetes nos adestramentos e partidos senón que tamén achegará voluntariado para empaquetalos.
Representantes de ámbalas dúas entidades e do Concello de Carballo, que é outro dos colaboradores, participaron este mércores na presentación da campaña.
As persoas que queiran colaborar poderán entregar os xoguetes ata o día 20 na sede da Asemblea Local da Cruz Vermella, situada nas antigas vivendas dos mestres, e na Biblioteca Rego da Balsa, e ata o día 22 nos adestramentos e partidos da Escola Basket Xiria.