O Concello de Carballo e a empresa Dixardín volverán a activar a campaña de sensibilización sobre o coidado dos xardíns que se puxo en marcha, con moi bos resultados, o ano pasado. Deste xeito, nos vindeiros días poderás atopar carteis como o que aparece na imaxe nas distintas zonas verdes do concello. Estes letreiros con forma de piruleta sinalizarán lugares nos que había plantas que foron subtraídas.
Ademais de pedir a colaboración da veciñanza para manter no mellor estado posible as zonas verdes, que son patrimonio de todas e todos, apelan á colaboración veciñal para poñer en coñecemento da Policía Local calquera información sobre a autoría das subtraccións para poder actuar en consecuencia.
A colocación das piruletas súmase a outras actividades de sensibilización como Presume de xardíns, en colaboración coas familias e os centros escolares, os cursos de poda realizados en varias parroquias, as plantacións comunitarias de árbores, a creación dos xardíns de Rosalía de Castro ou do Xestal e outras que verán a luz nos vindeiros meses dentro do proxecto de educación medioambiental Catro estacións, vinculado á creación e mellora de zonas verdes e arboradas e espazos axardinados en distintos puntos do concello. O principal obxectivo é implicar á veciñanza na súa conservación a través dunha serie de iniciativas orientadas a fomentar o coñecemento da riqueza local de flora, poñer en valor os recursos naturais do territorio e fomentar o respecto polos xardíns como bens comunitarios.