Nova campaña de trampeo da avespa velutina en Carballo

Presentación da campaña de trampeo da velutina_Cedida

  • Como novidade, este ano incorpórase un rexistro informático para coñecer a situación dos insectos

O Concello de Carballo e os apicultores locais teñen declarada a guerra a avespa velutina. Aínda que acabar con ela semella unha misión imposible, reducir a poboación de avespas e as súas consecuencias é posible grazas ás campañas anuais de trampeo nas que Carballo foi un concello pioneiro.

Este xoves presentouse a correspondente a este 2021 no Fórum Carballo e no que se deron cita o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Servizos, Luis Lamas; o responsable da empresa concesionaria do Servizo Municipal de Control de Pragas, Isidro Rodríguez, e un reducido grupo de colaboradores e colaboradoras habituais nos últimos anos, na súa maioría apicultores e apicultoras.

A campaña, que este ano conta cun rexistro informático para coñecer a situación dos insectos, arranca coincidindo co momento no que as avespas espertan do seu letargo invernal e algunhas xa caeron nas trampas que se colocaron esta mesma semana na Praza de Galicia. O obxectivo é aproveitar os próximos tres meses para intentar atrapar o maior número de raíñas, xa que sen elas non hai niño.

Tanto os representantes municipais como os apicultores locais presentes na xuntanza lamentaron o cambio de xestión na loita contra a avespa asiática despois de que a Xunta de Galicia decidise asumilo. Desde o público expresáronse varias queixas porque os niños ou ben non son retirados ou se quitan tarde. Esa pode ser unha das causas de que no ano 2020 só se retirasen uns 400 niños na localidade carballesa, case a metade que o ano anterior cando era a administración local a que prestaba o servizo directamente.