Nova campaña de vixilancia entre os autobuses de transporte escolar

Imaxe dun autobús escolar_Fonte: grandoure.com

  • A velocidade inadecuada e as distraccións son as principais causas dos accidentes nos que están implicados este tipo de vehículos

A Dirección Xeral de Tráfico-DXT puxo en marcha unha campaña para controlar os autobuses destinados ao transporte escolar. Segundo a DXT, cada día máis de 600.000 menores desprázanse en transporte escolar para acudir ao colexio e 9 de cada 10 úsano ao longo do curso para realizar excursións ou actividades deportivas.

Durante unha semana, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán as inspeccións comprobando a pertinente documentación pero tamén as condicións técnicas e os elementos de seguridade. Esta campaña de control realizarase tanto en vías urbanas como interurbanas.

UN MEDIO DE TRANSPORTE SEGURO

Segundo o informe da Fundación Línea Directa Transporte escolar, os vehículos destinados a este tipo de transporte teñen 11 veces menos sinistralidade que o coche privado e 6 veces menos que o autobús público. Durante o ano 2019, rexistráronse un total de 37 accidentes con vítimas.

A velocidade inadecuada e as distraccións son as principais causas dos accidentes nos que están implicados este tipo de vehículos, polo que se controlará especialmente que se circula á velocidade permitida e que non se fai uso do teléfono móbil ou outros aparellos que supoñan distracción. Tamén se realizarán controis de alcol e outras drogas entre os condutores, adoptando todo o protocolo sanitario.