- A alcaldesa aposta polas compras no comercio local de cara ao Nadal e ao «Black Friday»
O Concello de Camariñas lanza unha nova campaña para animar á veciñanza a que faga as súas compras na propia localidade, incidindo na importancia de axudar e estar ao carón dos negocios locais.
A iniciativa lánzase baixo o lema xeral ‘Merca en Camariñas, consume no teu concello. As mellores ofertas son as dos teus veciños’ e conta con varias accións específicas dirixidas a sectores como o empresarial ou o hostaleiro.
“Nunha situación de crise como a que estamos a vivir, e agora que chega a campaña de Nadal ou o ‘Black Friday’ queremos máis ca nunca fomentar as compras presenciais fronte ao comercio online para axudar aos nosos, aos que coñecemos de toda a vida e lles poñemos cara e nome”, destaca a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua.
Estas creatividades iranse subindo ás redes sociais do concello e tamén estarán expostas nos negocios e espazos municipais, co obxectivo de chegar ao maior número de xente posible.