Nova campaña para incentivar as compras no comercio local de Carballo

2 minutes read
  • A Concellaría de Promoción Económica pon en marcha esta iniciativa para incentivar as compras no comercio local e cunha proposta moi doce.

Coincidindo co mercado semanal, o xoves 21 arrincará unha campaña na que colaboran 87 comercios dos sectores máis diversos. Por cada compra por un importe superior a 25 euros recibirás un boleto que poderás trocar nas casiñas do poboado de Nadal situado no xardín municipal por chocolate ou galletas elaborados en Carballo de xeito artesanal, ata fin de existencias.

En total repartiranse máis de 5.000 agasallos. Os boletos poderán trocarse os días 22, 23, 24, 29, 30 e 31 de decembro e 4 e 5 de xaneiro en horario de 12.00 a 13.30 e de 18.00 a 21.00 (os días de Noiteboa e Fin de Ano as casiñas só estarán abertas pola mañá). E ademais participarás no sorteo de 20 vales por importe de 150 euros cos que poderás mercar no comercio local a partir do 31 de marzo.

O Nadal máis doce é un convite á cidadanía para aproveitar estas datas para pasear polas rúas de Carballo, facer unha parada na hostalaría, mercar os agasallos e seguir presumindo do comercio e dos produtos de proximidade. Pero non só para os veciños e veciñas, senón tamén para todas aquelas persoas de calquera concello que buscan alternativas ás grandes superficies comerciais ou á venda online, porque Carballo ofrece toda a variedade que pode atoparse en calquera cidade, a máxima calidade, a mellor atención, máis de 2.000 prazas de aparcamento gratuítas a menos de 10 minutos de calquera zona comercial, e, tanto no mercado municipal coma na feira, a maior oferta de produtos frescos para preparar as comidas familiares dos próximos días.

A campaña deste ano está, de feito, estreitamente ligada ás feiras, porque de aquí a Reis haberá tres mercados, unha feira e un feirón. E para contribuír aínda máis á súa dinamización e animación, os domingos 24 e 31 haberá animación de rúa coa Charanga Bicoia, que percorrerá as zonas comerciais desde as 12.30 ata as 14.30 horas.